As peixerías, sen remuda xeracional
Os mais novos non queren traballar nas peixerías
Os profesionais din que habería que atraer os máis novos con Formación Profesional
Salientan que a vida nunha peixería é mais cómoda que na hostalería
O de Olaia Suárez, da peixería Julia Quinteiro Fresh Seafood, é un caso pouco frecuente. Traballou anos no márketing dixital e deixouno todo para tomar as rendas da peixería da súa nai. Vende na praza, pero tamén online en toda España, e manda a diario vídeos cos produtos as súas listaxes de distribución. Recoñece que estaba farta de viaxar polo seu traballo e que dedicarse ao negocio familiar lle permite ter horarios mais ordenados e mellor calidade de vida.
Pouca xente nova se anima. Faltan peixeiros nas prazas, poucos queren ir á lonxa antes de que saia o sol, mercar o peixe, repartilo, poñer prezos e subir a reixa para atender a clientela. Din que falta canteira, entre outras razóns porque tampouco hai unha formación regrada. Tamén quitan ferro ao seu traballo, e cren que lles garante unha boa calidade de vida.
Joana Díaz, da peixería Devigoalmar, salienta que agora os mozos só queren traballar en cousas de redes socias e non queren manchar as mans. A súa compañeira Ayari García considera que deberían facer uns estudos regrados coma os que hai da Escola de Hostalería para animar as xeracións mais novas.
Dende hai tres anos, a Xunta impulsa o programa ES-Transforma para recuperar negocios sen remuda xeracional, que se suma ás campañas para incentivar o consumo de produtos pesqueiros.