As baixas protagonizan unha nova xornada de ACB para Obradoiro e Breogán
Na Liga ACB os nosos equipos disputan mañá unha xornada protagonizada polas baixas. O Rio Breogán intenta repoñerse á ausencia de Haynes, positivo por Covid. Pola súa banda, o Obradoiro volve á súa Liga contra o Bilbao, sen Álex Suárez, e con Hobbs e Beliauskas tocados.
Conseguiuno na pista do Betis e buscará o mesmo éxito en Bilbao. O Bilbao - Obradoiro de mañá pode marcar o desenvolvemento inmediato da temporada. Cambia o conto entre asaltar a pista dun rival en descenso e tomarlle dúas vitorias de renda ou ben verse igualado na clasificación.
Moncho Fernández, adestrador do Monbús Obradoiro: "Supermotivados, supermotivados. Os xogadores saben perfectamente que cada partido é moi importante. Igual que é chulísimo xogar contra o Barcelona, é chulísimo xogar contra o Bilbao Basket"
Os santiagueses non poderán contar outra vez con Alex Suárez e teñen a Hobbs e Beliauskas con limitacións físicas.
E para baixa a que terá que afrontar o Río Breogán en Manresa. Trae Bell- Haynes, director de xogo lucense, pérdese o partido por COVID. Acumula máis de 30 minutos por partido e cédelle os galóns a Erik Quintela.
Paco Olmos, adestrador do Río Breogán: "Que non se nos pare o noso baloncesto. Creo que temos un perímetro con xogadores cun bo manexo de balón e imos tentar, sen a figura tan marcada do base, que non se rache o noso estilo".
Con pouco protagonismo nos últimos partidos, Erik Quintela demostrou as súas cualidades contra Tenerife ou Burgos. Curiosamente, o base lucense xa afrontara a fase de ascenso en Granada sen o concurso do titular no seu posto. Daquela convertérase no home decisivo.