Tres candidaturas optan á xunta de Goberno do Colexio da Avogacía de Vigo
Uns 2.000 colexiados elixirán o equipo de Goberno dos avogados vigueses
O Colexio da Avogacía de Vigo votará mañá a nova Xunta de Goberno. Hai máis de 2.000 xuristas chamados ás urnas e tres candidaturas.
María Jesús Martínez lidera unha das alternativas á actual xunta de Goberno. Baixo o lema "Avogacía polo cambio", ofrece transparencia e loitar pola dignificación profesional. "O tema das mutualidades alternativas, ao fío das pensións. Hai temas de dignificación profesional, de conciliación familiar. Respecto á quenda de oficio, non podemos seguir na situación actual. É unha expropiación ao noso traballo", concreta a candidata ao decanato.
Co lema "Un colexio para todos", Carlos Rial lidera a candidatura Decanato 24. Avoga por aumentar as canles de participación nos asuntos que preocupan ao colectivo. Entre elas cita "a baixa remuneración da quenda de oficio, os problemas para poder obter unha xubilación xusta. A conflitividade social que hai, que repercute na saúde dos compañeiros e compañeiras e está totalmente desatendida".
Lourdes Carballo, no cargo desde 2014, presentase con caras novas no equipo. Reivindica o conseguido e aposta pola unidade seguir traballando na defensa da profesión. "En materia de quenda de oficio, en intrusismo. En benestar e saúde profesional. Os temas da previsión social porque se pon de manifesto que as pensións quedaron absolutamente inadecuadas", explica a candidata.
Desde as tres candidaturas animan a participar nestas eleccións que decidirán o decanato dos próximos cinco anos.