Marta Ortega asumirá a presidencia de Inditex en substitución de Pablo Isla
Inditex baixa máis do 6 % en bolsa tras coñecerse o nomeamento, que será efectivo a partir do 1 de abril de 2022
O Consello de Administración de Inditex aceptou a desvinculación de Pablo Isla como presidente, como membro do consello e da súa comisión executiva
Óscar García Maceiras foi nomeado conselleiro delegado de Inditex con efectos inmediatos
O Consello de Administración de Inditex, por iniciativa do seu presidente Pablo Isla e do seu fundador Amancio Ortega, e con proposta previa da Comisión de Nomeamentos, aprobou a designación de Marta Ortega Pérez como presidenta do grupo, coa condición de conselleira dominical, isto é, con carácter non executivo. O nomeamento será efectivo a partir do 1 de abril de 2022.
Así mesmo, Óscar García Maceiras, ata o de agora secretario xeral do Consello, foi nomeado conselleiro delegado de Inditex con efectos inmediatos. José Arnau Sierra mantense como vicepresidente do Consello de Administración.
Deste xeito, o Consello de Administración culmina o proceso de substitución xeracional iniciada en 2011, coa substitución de Amancio Ortega na presidencia de Inditex.
Segundo informa a empresa nun comunicado á CNMV, a remuda prodúcese tras a renuncia de "mutuo acordo" do actual presidente. O Consello de Administración de Inditex aceptou a desvinculación de Pablo Isla como presidente, como membro do consello e da súa comisión executiva.
A remuda de Isla non é o único cambio na dirección da multinacional, que informa que haberá outras renuncias de conselleiros delegados da compañía. Entre eles a de Carlos Crespo González, que renuncia como conselleiro delegado e será director de Operacións. Pablo Isla leva 17 anos na dirección da empresa.
Marta Ortega convértese na terceira muller á fronte dunha das grandes compañías do IBEX, xunto a Ana Botín como presidenta do Banco Santander e Beatriz Corredor en Red Eléctrica Española.
Coa saída de Isla e a entrada á fronte do temón de Inditex de Marta Ortega, a multinacional de orixe galega culmina o proceso de remuda xeracional iniciado hai unha década.
Cobran importancia agora as palabras que Marta Ortega pronunciou este verán sobre que estaría onde a empresa a necesitase.
Evita as fotografías e os eventos públicos e é pouco amiga de ofrecer entrevistas, pouco sabemos de Marta Ortega pola súa boca. Ofreceu unha única entrevista ao Wall Street Journal que recolleu en España a revista Hola. Nela fala dos seus inicios no emporio Inditex, asegura que a súa relación con Zara comezou desde abaixo, traballando nunha tenda en Londres hai 15 anos .
Marta Ortega, a filla menor de Amancio Ortega, será a partir do 1 de abril a nova presidenta do grupo téxtil; substitúe no cargo a Pablo Isla, que agradeceu a confianza depositada nel nestes dez anos.
O centro de xestión seguirá na Coruña, o 80 por cento dos veciños de Arteixo viven directa ou indirectamente de Inditex.
Marta Ortega mantén unha relación especial co seu pai, ao que lle organizou unha festa polo seu 80 aniversario que se fixo viral e á que acudiron todos os empregados e mesmo os sindicatos.
Marta Ortega, con 37 anos, toma a remuda de Inditex, que posúe oito marcas e está presente en 216 países.
Inditex baixa máis do 6 % en bolsa
As accións de Inditex baixaron máis do 6 % na sesión bolsista deste martes despois de comunicarse o nomeamento de Marta Ortega como nova presidenta da compañía a partir de abril de 2022 en substitución de Pablo Isla.
Media hora despois do inicio da sesión, os títulos de Inditex lideran as caídas do principal selectivo español, o IBEX 35, con perdas do 5,14 %, ata os 28,44 euros.
Inditex é a compañía con máis peso no IBEX 35, cunha capitalización bolsista duns 88.730 millóns de euros.
"Coñece moi ben a empresa"
Nunha breve conferencia de prensa, o aínda presidente do grupo explicou: "Marta leva xa 15 anos traballando con nós, en todas as áreas da compañía. Impulsou moitísimas iniciativas, supervisou moi directamente temas relacionados coa imaxe de Zara, campañas... É unha persoa que coñece moi ben a empresa".
A preguntas dos xornalistas, Isla avanzou que Ortega "seguirá moi involucrada co produto, vai seguir supervisando a imaxe de Zara e a súa proposta de moda".
Ademais, dixo: "Vai exercer as súas funcións de presidenta do Consello de Administración" como unha conselleira dominical, en representación da participación accionista. Engadiu: "É unha estrutura de goberno corporativo que en España pode que non sexa tan común, aínda que hai casos, pero si en empresas moi relevantes en moitos outros países europeos ou de fóra de Europa".
"Sempre dixen que dedicaría a miña vida a desenvolver o legado dos meus pais, mirando ao futuro, pero aprendendo do pasado e ao servizo da compañía, os nosos accionistas e clientes, no lugar onde se considere que son máis necesaria", declarou a filla menor do fundador do grupo galego.