O lobo mata tres ovellas nun predio ao pé do Camiño en Boente, Arzúa
Os propietarios dun establecemento hoteleiro tiñan os animais nunha leira anexa
Sorpresa entre os veciños ao tratarse dunha zona poboada e moi transitada polos peregrinos
O lobo matou tres ovellas nun predio a carón dun hotel rural e ao pé do Camiño Francés ao seu paso por Boente, en Arzúa. Os propietarios do establecemento atoparon os animais mortos pola mañá e levaron moita sorpresa, igual que os veciños da aldea, porque non lembran a presenza do lobo nesta zona tan poboada e transitada.
A propietaria do establecemento, Immaculada Espiñeira, explica que durante este mes pasou xente a todas horas do día e mesmo da noite. "Coa calor deste verán é bastante usual que pasen peregrinos moi cedo, ás cinco da mañá pasa xente soa... o ataque debeu ser ás cinco polo balbordo que se montou...., póñenseme os pelos de punta", di Imma sen perder o humor.
O certo é que os cans dalgúns veciños ladraban a esas horas, pero ninguén pensou que puidese ser pola presenza do lobo.
Ata o ano que vén, a parella que rexenta a Rectoral de Boente non pensa substituír as ovellas. Para entón, esperan ter tamén ovellas e un cerrado máis consistente que disuada a lobos e raposos.