Un incendio arrasa unha tenda no centro de Carballo
O sinistro obrigou ao desaloxo das vivendas lindeiras e da gardería próxima
Os residentes na rúa Poñente de Carballo tiveron este luns a tarde alterada polo incendio que arrasou á tenda de compravenda de obxectos usados.
Polo que conta Sergio, o dono, non quedou nada recuperable e o lume e o fume deixaron estragos importantes no local.
A tenda estaba pechada polo descanso de mediodía cando empezou o lume. Sospeitan que puido ocasionalo un fallo eléctrico.
Como medida preventiva, os servizos de urxencias desaloxaron as vivendas lindeiras da tenda. O persoal da gardería próxima tamén levou a cabo unha evacuación ordenada cando había dentro uns sesenta cativos e cativas.
Durante as tarefas de extinción, unhas tres horas, estivo interrompido o tránsito de persoas e vehículos por parte desta céntrica rúa carballesa.