O Nobel de Economía distingue a investigación das crises financeiras
Os premiados "melloraron significativamente a nosa comprensión do papel dos bancos na economía, particularmente durante as crises financeiras", asegura a academia sueca

Os economistas Ben S. Bernanke, Douglas W. Diamond e Philip H. Dybvig foron galardoados co Premio de Ciencias Económicas do Banco de Suecia en memoria de Alfred Nobel, coñecido popularmente como Nobel de Economía, segundo anunciou este luns a Real Academia Sueca de Ciencias.
A Real Academia Sueca de Ciencias destacou a concesión do premio aos tres expertos "pola súa investigación sobre bancos e crises financeiras".
Os premiados este ano "melloraron significativamente a nosa comprensión do papel dos bancos na economía, particularmente durante as crises financeiras, así como a forma de regular os mercados financeiros", estimou a academia.
O galardón é o último dos Premios Nobel anunciado, tras comunicarse a semana pasada os premiados nas categorías de Medicina, Física, Química, Literatura e da Paz e será entregado, como os demais, o próximo 10 de decembro.