O perihelio coincide esta noite coa chuvia de estrelas fugaces das cuadrántidas
Son simples fragmentos de po e xeo dun asteroide
O perihelio é o momento de máximo achegamento terrestre ao Sol
Ata hai 17 anos non se descubriu que as estrelas fugaces coñecidas como cuadrántidas son fragmentos de po e xeo dun asteroide. Descubertas hai 500 anos, habitualmente non teñen moita actividade, pero este ano é excepcional como nos asegura o astrofísico galego, Borja Tosar.
"Este ano é atípico e vai ter unha actividade inusual, de entre 80-100 estrelas fugaces por hora".
Pódense ver a simple vista facilmente porque son máis lentas ca outras estrelas fugaces. O mellor momento para observalas será xusto antes da saída do Sol, mirando cara á constelación de Boyero. Coa Lúa en cuarto minguante, haberá que confiar en que a meteoroloxía nos agasalle ceo despexado, posible canto máis ao sur de Galicia.
"Sempre os mellores consellos son buscar un ceo o máis negro posible, ir ben abrigado e mirar cara ao norte".
Noite ben interesante porque ocorre outro fenómeno astronómico, o chamado perihelio, ou o momento en que a Terra máis se achega ao Sol.
"Esta noite a Terra pasa polo punto máis próximo ao Sol en todo o ano, o que en astronomía se chama o perihelio. Curiosamente tamén é o punto en que a Terra vai a máis velocidade na súa órbita arredor do Sol".
Ao aire libre, ben abrigados, entenderemos que a distancia entre a Terra e o Sol non inflúe na temperatura terrestre que si depende do ángulo no que inciden os raios solares na codia terrestre. Será interesante tamén a posibilidade de pedir ata un cento de desexos en só unha hora.