O Pontevedra deixa o ascenso nas mans de Pasarón (1-0)
O Betis Deportivo colle vantaxe grazas ao gol de Jesús Rodríguez
O Pontevedra encoméndase a Pasarón para acadar o ascenso a Primeira Federación. O equipo granate perdeu no Benito Villamarín, diante de 17.000 espectadores, por 1-0 contra o filial bético (Jesús Rodríguez).
O primeiro en avisar foi Chiqui, pero atinou o Betis nunha acción individual do extremo xuvenil do cadro sevillano. No acto inicial non se viu o mellor Pontevedra. Dominou máis pero faltoulle algo de profundidade para xerar perigo.
Si que gozou de boas ocasións para acadar o empate no segundo tempo. Sobre todo nuns quince minutos iniciais en que engarrafou o seu rival. Álex González rematou ao pau, Yelko rozando o traveseiro e Carlos López obrigou a intervir ao porteiro local Guilherme Fernandes. Non chegou o gol do empate malia que os pontevedreses tiveron ocasións nunha última empurrada da man de Libasse Gueyé que lle deu azos ao ataque galego.