O PSdeG acusa o PPdeG e a Rueda de manter a Jácome "faga o que faga"
Os socialistas convocaran os populares a unha reunión para buscarlle unha saída á situación en Ourense, pero os representantes do PPdeG non acudiron

Os socialistas galegos responsabilizan o PP da continuidade de Pérez Jácome á fronte da alcaldía de Ourense. Así o manifestaron tras non acudir os populares á xuntanza que convocaron para buscar unha saída á crise institucional no Concello de Ourense tras a presunta agresión do alcalde a unha sindicalista.
O PP insiste en que desde as últimas eleccións hai unha oferta sobre a mesa de que goberne a lista máis votada en todos os concellos, pero á que os socialistas aínda non lle responderon.
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, sinalou o PPdeG e o seu próximo líder e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de empeñarse en manter no cargo o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, "como sexa, faga o que faga e a pesar de quen lle pese".
"Creo que xa non valen escusas. Creo que hoxe caeulle a careta ao señor Rueda", declarou Lage aos medios esta mañá en Santiago de Compostela, onde os socialistas galegos citaran o PPdeG.
O dirixente socialista defendeu que a proposta do PSdeG era correcta "en tempo e forma" e que o PP "tiña a posibilidade de sentar nunha mesa para falar sen ningún tipo de condicións", algo que rexeitaron, deixando patente "que non hai vontade de dialogar" sobre este tema.
Por este motivo, sostivo que o PP e os seus dirixentes son os únicos responsables de seguir mantendo como rexedor "un señor que avergoña a maior parte da cidadanía de Ourense" e que, ademais de estar "procesado" por posibles calumnias, asegurou, tamén agrediu recentemente unha sindicalista.
"Que máis ten que pasar en Ourense para que o Partido Popular decida sentar a falar co Partido Socialista para darlle unha solución á cidade", preguntouse.
O secretario de Organización dos socialistas galegos sinalou que o PSdeG foi a forza máis votada nas eleccións municipais de 2019 nesa cidade e recriminoulle a Alberto Núñez Feijóo que non aplicase entón a máxima de que gobernase a lista máis votada que agora volve defender como líder do PP.
Así pois, considerou que Alfonso Rueda é un "digno sucesor" destas prácticas ao manter a Pérez Jácome no cargo "contra vento e marea" e nin sequera sentar a falar dunha posible substitución.
Lage compareceu ante os medios acompañado do portavoz municipal do PSdeG en Ourense e secretario xeral do partido na provincia, Rafael Rodríguez Villarino, así como da secretaria municipal, Natalia González.