O Racing recupera sensacións fronte ao Valladolid (2-0)
Tras seis partidos sen vitoria, os ferroláns suman tres puntos para seguir preto do play off
Con 0-0 no minuto 8, os visitantes erraron un penalti

O Racing de Ferrol volve á senda da vitoria tras máis dun mes sen sumar de tres. A última vitoria ferrolá databa do 28 de xaneiro no Molinón; dende aquela, tres empates e tres derrotas que rebaixaron a euforia da primeira volta.
Na Malata, fronte ao Valladolid, un rival directo por loitar por un hipotético play off, os de Parralo recuperaron sensacións positivas. O inicio non era favorable: penalti de Álex López sobre Monchu que Marcos André lanzou ao traveseiro. A partir desa xogada o Racing comezou a animarse en ataque, e no 18 da primeira metade, Nico Serrano anotaba o seu primeiro gol coa camisola verde. Co gol, os galegos pausaron o encontro e levaron a iniciativa ata o descanso, ao que se chegou con ese 1-0.
O comezo da segunda metade foi semellante ao final da primeira, ata que no 62 de encontro Iker Losada anotou un gran gol para poñer marxe e tranquilidade aos galegos. Co 2-0, o Racing puido controlar o partido e non sufrir en exceso, e unha vez os visitantes quedaron con dez, pola expulsión de Tarrega, o partido quedou totalmente sentenciado.
Triunfo chave que deixa os de Parralo en novena posición con 47 puntos, a dous do play off e 17 por encima do descenso.