Os CoCos van tardar en volver ser atractivos, por María Cadaval
Quen mercou os bonos continxentes convertibles en accións ou CoCos do Credit Suisse perderá todo o seu investimento, mais de 16.000 millóns
As turbulencias financeiras aínda non remataron. Tras a noticia da absorción de Credit Suisse por parte de UBS, sóubose que, a pesar do colchón de liquidez que ofreceu o Banco Nacional de Suíza, o sector público non asumirá as perdas dos titulares dos CoCos.
Aquelas persoas que mercaron os bonos continxentes convertibles en accións ou CoCos perderán todo o seu investimento, que ascende a mais de 16.000 millóns de euros no caso do banco suízo.
Isto supón a quebra do principio establecido polo mercado de que en caso de resolución bancaria son os titulares das accións os primeiros en perderen os seus cartos e só despois os posuidores dos bonos continxentes convertibles en accións, como aínda sucede na Eurozona e como acaba de recordar o BCE que seguirá sendo.
Que é un CoCo?
É un produto financeiro híbrido, que mestura débeda (pola que se pagan xuros á persoa que os merca) con capital (ten capacidade de absorber perdas no caso de que se produzan). Estes instrumentos son perpetuos -é dicir, non teñen un vencemento determinado- e o emisor resérvase o dereito de rescatalo, xeralmente pasados cinco anos.
A súa principal característica é que poden chegar a converterse en accións se a ratio de capital CET1 descende por debaixo dun determinado nivel. E isto foi o que lle pasou aos titulares dos CoCos do Credit Suisse, polo que van perder todo o que tiñan adquirido neste produto.
Esta situación inxecta desconfianza no mercado e unha parada para todas aquelas entidades que teñan que financiarse agora a través deste sistema, pois dificilmente van poder colocalos no mercado e, si o logran, farano a un alto prezo.
En España os bancos emitiron unha gran cantidade de CoCos a principios de ano, aproveitando o momento de tipos de xuro acaídos e practicamente teñen cuberta a emisión que precisan para cumprir cos requisitos regulatorios neste 2023.
As entidades financeiras teñen a obriga de facer reserva de débeda con capacidade para absorber perdas e neste eido os CoCos xogan un papel importante e contribúen a aumentar os niveis de solvencia. Baixo determinadas condicións, a mais común é que a ratio CET1 (Common Equity Tier 1) baixe dun nivel determinado, estas emisión poden converterse en accións.
Neste momento vai ser difícil que a banca coloque de xeito masivo, como o fixo a primeiros de ano, este tipo de produto non só polo seu custe senón sobre todo pola desconfianza que xeran tras a caída de Credit Suisse. A recuperación do seu mercado non será a curto prazo e algún inversores institucionais sairán por un longo período de tempo.