Os fortes tornados deixan polo menos 18 vítimas mortais nos Estados Unidos
Milleiros de persoas quedaron sen electricidade

Os fortes tornados que azoutaron o medio oeste e o sur dos Estados Unidos deixan polo menos 18 vítimas mortais e milleiros de persoas sen electricidade.
Ata o de agora, as autoridades locais confirmaron o falecemento de sete persoas en Tennessee, cinco en Arkansas, tres en Indiana, unha en Alabama, outra en Illinois e unha máis en Misisipi.
Ante o devastador impacto dos tornados, o presidente norteamericano, Joe Biden, falou por teléfono coa administradora da Axencia Federal para a Xestión de Emerxencias (FEMA), Deanne Criswell, que coordina a resposta federal ao desastre.
En Little Rock, a capital de Arkansas, unhas 2.000 vivendas quedaron danadas e unha trintena de persoas están hospitalizadas.
No norte de Illinois, colapsou parcialmente o tellado dun teatro onde 260 persoas asistían a un concerto de heavy metal. Faleceu unha persoa e outras 28 quedaron feridas.
Tornados en sete estados
Segundo o Servizo Meteorolóxico Nacional (NWS), o venres pola noite rexistráronse tornados en sete estados: Arkansas, Misuri, Illinois, Indiana, Tennessee, Wisconsin, Iowa e Misisipi.
Está previsto que a tormenta se mova cara ao leste durante o sábado, polo que se activaron alertas por mor da forza dos ventos en Alabama e Xeorxia.
Os tornados golpearon o medio oeste e sur do país horas despois de que Biden visitara a localidade de Rolling Fork (Misisipi), devastada a semana pasada por unha vaga de fortes tornados que deixou 26 vítimas mortais.