Os pementos de Herbón chegan ao mercado cun mes de atraso debido ao tempo adverso
Os poucos en oferta véndenos a sete euros a bolsa de catrocentos gramos
Son días de estrea para os pementos de Herbón no posto de Pilar na praza de Santiago. É un inicio algo atrasado, porque tanta chuvia e frío das últimas semanas frearon a evolución nos invernadoiros. De aquí é de onde están a saír os primeiros comercializados.
"Imos tarde", di Antonio, de Pementos Evangelina e Gómez. E preguntámoslle que canto tempo.
"Nos invernadoiros case un mes", responde, e engade: "Agora xa tiña que haber máis pemento do que hai. E ao aire libre aínda estamos empezando a poñer fóra, e a estas alturas xa tiña que estar plantado".
Así e todo, os deste produtor volven ser dos primeiros no mercado.
"Si, tamén os puxen a finais de xaneiro, e corrín moito risco. Houbo que transplantar algunha.
Púxenos cedo. Quedaron algo pequenos, pero agora están a desenvolverse. Pero hai que arriscarse tamén, porque, senón, nada tes", explica Antonio.
Polo de agora apenas collen oito quilos á semana, polo que o prezo vai de acordo coa oferta escasa do momento:
"A sete euros. Tiña que ser como pouco a oito, pero... a sete!
Cantos son por ese prezo?
A bolsa de pementos de Herbón vai por gramos; 400 gramos".
Mentres, na parroquia padronesa de Herbón aproveitan agora para poñer en marcha os cultivos ao aire libre do seu afamado pemento.