Polo menos 126 mortos tras un sismo de magnitude 6,8 na rexión chinesa do Tíbet
O sismo acadou unha magnitude de 6,8 graos na escala de Richter
As autoridades pechan o acceso ao Everest, próximo ao epicentro
A terra tremeu no condado tibetano de Tingri pouco despois das nove da mañá, hora local. O terremoto, dunha magnitude de 6,8 na escala de Richter, tivo o epicentro a 10 quilómetros de profundidade.
Nun radio de 20 quilómetros, case 3.000 casas caeron ou sufriron danos, sepultando 126 persoas e ferindo outras duascentas. A baixa densidade de poboación nesta rexión evitou que a catástrofe fose maior.
O presidente chinés, Xi Jingping, ordenou axilizar os labores de busca. Os equipos de rescate despregaron máis de 1.500 persoas, incluídos soldados do Exército Popular Chinés.
Urxe atopar superviventes entre os cascallos e levantar campamentos para os sobreviventes, en previsión de temperaturas de ata 18 graos baixo cero. Pekin asignou 13 millóns de euros para as primeiras medidas de alivio.
Tingri está en plena cordilleira do Himalaia, a máis de 4.000 metros de altura e a 85 quilómetros do Everest: as autoridades pecharon os accesos á montaña máis alta do planeta.

A Comisión Nacional de Desenvolvemento e Reforma do país asignou de urxencia 100 millóns de iuans (13,6 millóns de dólares, 13,1 millóns de euros) para axudar nas tarefas de alivio tras o desastre.
Tras o tremor, a Oficina de Mando Antisísmico e de Socorro en Casos de Catástrofe do Consello de Estado (Executivo chinés) e o Ministerio de Xestión de Emerxencias puxeron en marcha un dispositivo de urxencia e enviaron un grupo de traballo á zona do sismo para orientar os labores antisísmicas e de socorro.
Segundo a cadea estatal CCTV, os equipos de bombeiros locais mobilizaron máis de 1.500 efectivos para as tarefas de procura e rescate de sobreviventes.
O condado de Tingri, que conta cunha densidade de poboación de 4,2 persoas por quilómetro cadrado, está situado aos pés da cordilleira do Himalaia e ten unha altitude media de 5.000 metros sobre o nivel do mar, segundo a información oficial do goberno local.
Segundo os prognósticos meteorolóxicos, está previsto que as temperaturas no condado cheguen a un mínimo de 16 graos baixo cero e un máximo de 3 graos este martes.
O epicentro situouse a uns 85 quilómetros do monte Everest, situado xusto na fronteira entre A China e Nepal, o cal foi pechado ao público ata novo aviso para garantir a seguridade dos visitantes e o persoal.
O tremor sentiuse en zonas de Nepal e en varios estados do norte da India, informaron medios de ambos os dous países, malia que aínda non foron reportados mortes nin danos en ningunha das dúas nacións.
O Tíbet e outras zonas do oeste da China son frecuente escenario de terremotos, pola proximidade do punto de fricción da placa tectónica asiática coa india, pero debido á baixa densidade de poboación na zona, en moitas ocasións os sismos prodúcense en áreas escasamente habitadas.
En decembro de 2023, un tremor de magnitude 6,2 deixou máis de 150 falecidos na rexión veciña de Qinghai e na provincia occidental de Gansu.