Prata para Antía Chamosa no Campionato de España
A galega participou na proba dos 10 quilómetros marcha e só foi superada por Raquel González
Nos Campionatos de España de atletismo houbo medalla de prata para a pontevedresa Antía Chamosa nos 10 quilómetros marcha, só superada pola catalá Raquel González. Antía Chamosa completou a proba con marca persoal, cun tempo de 44:39:24 e está entre as preseleccionadas para competir nos Xogos de París na remuda mixta en distancia maratón.
Chamosa terá que agardar a que se dispute a proba individual para saber se estará entre as elixidas na nova modalidade olímpica. Neste campionato de España foi cuarta outra galega, a luguesa Aldara Meilán, quen hai un mes se proclamou campioa do mundo sub-20 por equipos. Aldara Meilán e Antía Chamosa non agochaban a felicidade ao final da proba. Atletas de futuro.