Preocupación pola vaga de roubos en coches na Pobra do Caramiñal
Nas últimas semanas roubaron en preto dunha ducia de coches; catro deles nunha soa noite
A veciñanza pide maior vixilancia porque temen un aumento da delincuencia
"Chamoume a Policía Local porque entregaran a documentación que atoparan polo chan. Fun miralo e rompéranme o cristal, leváronme documentación, unhas lentes de sol e pouco máis".
Cóntao María, unha das vítimas do vándalo ou vándalos que nas últimas semanas teñen en vilo os condutores. Ela tiña o coche no aparcamento do porto, pero a mesma noite a escena repetíase noutras rúas da cidade.
"Houbo bastante desfeita".
"Atoparon aquí un coche coa ventá rompida e os cristais no chan e tivo que ser un roubo", explican os veciños.
Nas últimas semanas, roubaron en polo menos unha ducia de coches. Sempre de noite, en zonas de pouco movemento e provocando máis trastornos que perdas.
"A miña veciña tivo que ir ao taller a que lle puxeran o cristal".
"O problema é peritar o coche... máis o problema da documentación e arranxar co seguro e demais e a perda de tempo", lamenta María.
A perda de tempo e a inseguridade, porque con este ritmo calquera aparca tranquilo.
"Eu métoo no garaxe sempre. Veño a mediodía ou a calquera hora e métoo no garaxe. Eu xamais o deixo fóra, aínda que sexa para coller unha chaqueta".
"Hai veces que o deixas un rato na rúa pero agora xa nada".
"Un dos coches teño que aparcalo sempre fóra. Entón é a sorte de que non che toque".
Os veciños piden, ademais de sorte, máis vixilancia porque se senten máis inseguros.
"Falo dos ocupas e doutros que xa viñeran antes, que houbo moitísimos roubos. Agora unha parte deles están presos, pero viñeron outros. Agora xa non é tan tranquilo", comenta unha veciña.
A Garda Civil ten aberta unha investigación. Hai sospeitas de que poida ser un individuo que actúa por libre, pero tampouco se descartan outras opcións.