Queiman unha decena de contedores en varios puntos de Carballo
Os incendios producíronse en tres lugares distintos da vila en pouca marxe de tempo

Os bombeiros do parque comarcal de Carballo tiveron que intervir a pasada madrugada en varios puntos deste municipio, debido a incendios que afectaron a unha decena de contedores.
Segundo informou o servizo de extinción, sobre as 5:18 horas recibiuse un aviso para acudir á intersección entre as rúas Camelias e Begoñas, onde arderon dous contedores de lixo. Só vinte minutos despois tiveron que acudir á rúa Verdillo, onde o lume calcinou outros catro contedores; e nunha terceira intervención tiveron que actuar na rúa de Fondal Ponche, preto do cemiterio de Bértoa, onde arderon outros 4 contedores.
Por outra banda, efectivos do parque comarcal de Boiro acudiron a pasada medianoite a un domicilio de Iria Flavia, en Padrón, ante o aviso dun incendio.
Ao chegar, os bombeiros comprobaron que non había persoas atrapadas e que as lapas xa foran extinguidas, polo que procederon á ventilación da vivenda. A orixe do lume estivo nunha cazola que quedou ao lume na planta baixa do inmoble.