Escachan o escaparate dun salón de peiteado de Ourense para roubar
Os asaltantes lanzaron unha pedra de grandes dimensións para facer un burato no cristal
Fuxiron con alisadores de pelo e secadores profesionais
Os ladróns lanzaron unha pedra de grandes dimensións contra o cristal dun salón de peiteado de Ourense e marcharon con secadores e alisadores do escaparate. Non é o primeiro roubo nin o segundo nesta zona nas últimas semanas. A Policía Nacional anda á procura destes delincuentes ante o aumento de roubos en Ourense.
"Lanzaron esta pedra enorme contra o escaparate, esnaquizárono, deixaron o buraco e colleron todo o que atoparon no escaparate".
A propietaria do salón de peiteado explica que o ladrón fuxiu con alisadores do pelo e secadores profesionais. Sospeita que o delincuente pretendía entrar no negocio.
"Intentar escachar máis o escaparate e entrar, porque a desfeita é moi grande, o buraco é moi grande, entón eu penso que quixeron acceder a máis, pero non puideron".
Aconteceu á unha desta madrugada. A Policía Nacional alertou a propietaria tras a chamada dun veciño que sentiu o estrondo. Cristina pasou a noite en vela vixiando.
"Marchara a policía, estabamos aquí vixiando e esperando a que a compañía de seguros nos solucionara, e outra persoa meteu o brazo e tentou roubarnos, e tivemos que saír berrando que chamabamos a policía".
Non é o único roubo que acontece nesta céntrica rúa Samuel Eiján, nas últimas horas asaltaron varios negocios.
Un dos máis graves foi nunha tenda de roupa de nenos, onde a propietaria conseguiu reter a ladroa ata que chegaron os axentes. A muller acabou atragoándose, despois de mastigar os 700 euros que pretendía roubar.
Naquela ocasión, aconteceu ás seis da tarde. Unha muller entrou no establecemento e foi correndo á caixa rexistradora para roubar; no forcexo, a propietaria sufriu unha escordadura no dedo.
Unha chea de feitos delituosos que teñen en alerta os comerciantes desta rúa.
A Policía Nacional recollía pegadas este xoves para dar co autor deste último asalto.