Rescatan o corpo dunha muller que aboiaba na auga dos cantís de Campelo, en Valdoviño
Ata a zona acudiron axentes da Garda Civil, os Bombeiros de Ferrol e o helicóptero Helimer de Salvamento Marítimo, que evacuou o cadáver dunha zona de difícil acceso

Un amplo dispositivo de rescate despregouse na costa de Valdoviño tras atopar un corpo sen vida este sábado na auga.
Sucedeu contra as seis da tarde. Un veciño avisou a Emerxencias de Galicia de que vira o que parecía ser un cadáver aboiando na auga, na zona dos cantís de Campelo. Mobilizouse o operativo de emerxencias que desprazou á zona os Bombeiros de Ferrol, a Garda Civil e o helicóptero de Salvamento Marítimo Helimer.
Tamén recibiron o aviso a Policía Local de Valdoviño, Protección Civil e o GES de Mugardos. Atoparon o vehículo da muller no medio do camiño ás baterías de Montefaro, no alto dos cantís, na parroquia de Meirás.
É unha zona de acceso difícil polo que foi o helicóptero o que sacou o corpo do mar. Os Bombeiros de Ferrol colaboraron desde terra no proceso.
Agora a Garda Civil trata de identificar a muller falecida e investiga o que sucedeu.