Rouban 200 metros de gardarraís en Sober disfrazados de obreiros
Os presuntos ladróns, veciños de Ourense, xa foron identificados pola Garda Civil
Ata 70 postes metálicos e 200 metros de biondas foron roubados a plena luz do día nunha leira de Canaval, en Sober. O botín correspondía aos gardarraís dunha pista desmontados nas obras da vía do tren. Para subtraelo, os ladróns disfrazáronse cunhas chaquetas semellantes ás dos obreiros.
Pascual Paz, encargado de obra: "Apareceu á hora de comer un coche e viñan con chaquetas de obra. Despois veu un camión descargar pedra e sacoulle unha foto, e foi cando nos demos conta de que viñan roubar as varandas".
Non é a primeira vez que rouban nestas obras. Hai uns meses, un ladrón quedou ferido ao tratar de levar o cable da catenaria, mentres que noutra ocasión mesmo subtraeran gasóleo.
Pascual Paz, encargado de obra: "As fins de semana temos que procurar deixar as máquinas co mínimo de gasóleo e gardar as ferramentas, porque se non chegamos o luns e temos todo desvalixado. Todos os útiles temos que gardalos ou levalos".
Unha vez denunciado o roubo das barreiras de seguridade, a Garda Civil identificou dous veciños de Ourense como presuntos autores.