Rouban 4.000 euros en tabaco nun estanco das Nogais
As cámaras de videovixilancia captaron dous homes encapuchados que cargaron tabaco en bolsas e fuxiron
Roubo nas Nogais. Os ladróns romperon cunha maza a porta dun estanco de madrugada e levaron máis de 4.000 euros en tabaco. A Garda Civil busca os autores do roubo; dous homes que apenas tardaron tres minutos en coller e fuxir co botín.
Ás catro da mañá deste mércores saltaban as alarmas do establecemento. Os delincuentes romperon cunha maza a porta de cristal. No interior abriron a patadas a porta do almacén, cargaron tabaco en bolsas e fuxiron. Todo en poucos minutos.
"Foi unha cousa moi rápida. Romperon o cristal, que era moi groso, entraron no cuarto de atrás colleron o tabaco e marcharon", di a sogra da propietaria do estanco.
"Polo que se ve nas cámaras sabían moi ben ao que viñan e imaxino que nalgún momento xa estiveran dentro e coñecían o local", conta a propietaria.
Os veciños non se decataron porque a alarma é silenciosa, aínda que alguén escoitou como botaban a porta abaixo, sen saber ben a que se debía o ruído.
As cámaras interiores captaron dous homes encapuchados que agora busca a Garda Civil. Non é o primeiro roubo nos últimos meses nestes concellos da montaña lucense.
A propietaria do estanco di que "xa roubaron no Muíño e dous ou tres veces en Delicias". "Só hai unha patrulla para a zona dos Ancares e iso é moi pouco. Estamos desprotexidos".
Os veciños reclaman que se reforce a presenza das forzas de seguridade.