Rouban por quinta vez nun bar do centro da Pobra do Caramiñal
Os ladróns levaron os cartos das propinas, botellas de alcol e ata os ovos que había na cociña
O dono calcula que o botín anda polos 300 euros e di que o peor é ter que reparar os estragos que causaron ao entrar no local
Os autores do roubo intentaron entrar polas ventás superiores do bar a madrugada do mércores, pero non puideron. O dono do local puxo alí un barrote porque os ladróns xa utilizaran este método noutras ocasións. Ao ver que non conseguían acceder así, tomaron outra determinación.
"Foron á terraza, colleron a tapadeira do sumidoiro e con ela romperon a porta e accederon ao local. Colleron algunha botella de alcol, foron á cociña e colleron ovos, había unhas pingas de sangue polo chan, levaron o diñeiro das propinas e pouco máis", conta Javier Sobrido, dono do bar London.
No bar xa botaron cálculos sobre o valor do que levaron. Pensan que o botín ascende a uns 300 euros, aos que hai que sumar os gastos da reparación dos estragos que causaron.
"O que máis valor ten é a porta porque son cristais bastantes caros. A última vez, se non recordo mal, foron sobre 700 euros. Paga o seguro, pero tes que poñer denuncia e andar a voltas".
Desde que abriu as súas portas, hai dez anos, denunciaron cinco roubos no local. A situación foi especialmente dura hai uns anos.
"Un pouco antes da pandemia houbo unha vaga de roubos e a nós tocounos, en dous meses, tres veces. Agora estaba bastante tranquila a cousa, pero ao final acaban entrando. Cando a desesperación chega, teñen que ir a algún sitio para conseguir diñeiro e entran".
As forzas de seguridade investigan agora este último asalto no bar, que conta con alarma e cámaras de seguridade. Grazas a elas puideron ver que hai dúas persoas implicadas no roubo.