Rouban tres coches nunha empresa de compravenda de Guitiriz
Dous foron abandonados e localizados, pero falta o terceiro
O vehículo subtraído está valorado nuns 13.000 euros
Unha chamada da Garda Civil foi a que puxo en alerta o dono dunha compravenda de vehículos de Guitiriz. Alertábano do roubo dun dos vehículos que tiña estacionado ás portas dunha nave, pero a cousa foi máis grave do que inicialmente pensaba.
"Ás oito da mañá chamáronme os axentes por un coche da miña propiedade abandonado no medio dunha estrada cerca de Curtis. Vin para o local e xa vin que me faltaban outros dous coches, en total tres", relata Ángel Rivas, dono dos coches roubados.
Cando chegou á nave comprobou que faltaban tres vehículos, e ademais puido ver nas imaxes das cámaras de seguridade como se realizara o roubo. Cun vehículo, tamén roubado, golpearon o portal da nave e accederon ao interior e había cando menos catro persoas. Remexeron na oficina e de alí colleron as chaves de varios vehículos, entre eles os tres roubados.
"Cun coche marcha atrás golpearon o portal e abrírono. Revolveron todo na oficina, supoño que buscando cartos, e levaron as chaves de varios coches. Despois xa viñeron os axentes a tomar pegadas", comenta o propietario dos coches.
Moi preto de aquí, en Guitiriz, apareceu estacionado o segundo dos vehículos roubados, pero aínda falta un; seguen na busca deste Gofl GTI negro valorado nuns 13.000 euros. O roubo aconteceu aos pés da nacional VI, nunha zona con casas habitadas, pero foi de madrugada e os veciños non se decataron de nada. Agora o dono dos coches xa presentou a correspondente denuncia e a Garda civil está a investigar os feitos.