Rueda: "A Xunta é rigorosa e amigable para as empresas"
Alfonso Rueda ponse como obxectivo da próxima lexislatura impulsar a colaboración público-privada para atraer a Galicia investimentos novos e emprego
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, ponse como obxectivo da próxima lexislatura impulsar a colaboración público-privada para atraer a Galicia investimentos novos e emprego. Rueda afirma que a Xunta será unha administración rigorosa pero amigable coas empresas que queiran instalarse na nosa comunidade.
Díxoo na presentación do Atlas da Empresa Comprometida que elabora Economía Digital, que analizou oitenta firmas, que representan case o 70 % do PIB galego. Ese informe conclúe que o noso tecido empresarial aproba en ética, debe facer máis esforzos pola transparencia ou reducir a pegada de carbono, constata avances na inclusión de persoas con discapacidade e apunta retrocesos no teletraballo.
"A clave da riqueza dunha economía é mercar a provedores locais é vender a clientes de fóra", explicou Marcelino Fernández Mallo, economista e director técnico da cuarta edición do Atlas da Empresa Comprometida.
Nese acto, Alfonso Rueda adiantou que a próxima lexislatura estará marcada por facer real a colaboración público-privada e defendeu confiar nas empresas para crear riqueza. O presidente en funcións dixo que a Xunta apoiará todos os investimentos viables que cumpran as normas.
"Sendo absolutamente estritos nos controis que nos corresponden (medioambientais, económicos e de cumprimento de todo tipo de normativa), estaremos a favor de que as industrias se instalen en Galicia. A postura de desconfianza de inicio, non vai coa Xunta", asegurou Rueda.