Rueda volve opoñerse á taxa turística: "Castiga o turismo que máis interesa, o que se aloxa"
O presidente da Xunta cre que os problemas que poida ocasionar o turismo está "nos aluvións dun día", e cre que "quizais iso hai que regulalo"
Nunha xornada canda ao presidente de Asturias, na que Adrián Barbón defendeu a regulación das vivendas turísticas, os dous coincidiron en defender o turismo de calidade, de espazo, natureza e oferta gastronómica e histórica
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, volveu expresar este venres a súa oposición a implantación de taxas turísticas como a que solicitou o concello de Santiago. Durante unha intervención nunha xornada en Madrid sobre modelo turístico, canda o presidente de Asturias, Adrián Barbón, Rueda asegurou que ese tipo de taxa "castiga ao turismo que máis interesa, o que se aloxa e se pode controlar".
"Eses discursos de turismofobia, que son perigosos. Non nos peguemos tiros no pé", afirmaba o presidente da Xunta, quen engadía “o problema son eses aluvións dun día. Esas cousas seguramente haxa que regulalas e entendo que hai certos momentos en que o turismo lle poida causar molestias, entre aspas, á xente que vive aí. Quizais iso hai que regulalo pero estamos moi lonxe de que non poida vir máis xente. Trátase de distribuír con intelixencia a oferta”.
Rueda e Barbón debateron en torno ao tema A industria da felicidade nun almorzo coa prensa en Madrid, e coincidiron en defender o turismo de calidade, de espazo, natureza e oferta gastronómica e histórica que propoñen as súas autonomías, nas que este sector representa aproximadamente o 12 % do PIB.
Polo seu lado, Barbón defendeu que cando “a cidadanía reacciona negativamente e cala na sociedade que se lles expulsa da súa maneira de vivir, é malo. Pero estamos moi lonxe da masificación”.
En todo caso, en Asturias “tentamos ir un paso por diante: acabamos de presentar unha norma de control das vivendas de uso turístico, que provocan a expulsión dos cidadáns e xeran unha reacción contraria”.
Os dous presidentes autonómicos estiveron de acordo na súa cooperación e no valor do sector para o desenvolvemento económico das súas rexións.
Rueda explicou que “para que funcione ben a industria turística hai moitos sectores que teñen que funcionar, desde a ordenación do territorio á educación, os servizos de emprego, as axudas económicas ás empresas… o turismo tira da construción, o Camiño de Santiago leva xente a zonas deshabitadas… o efecto tractor do turismo é absolutamente fundamental, é unha aposta gañadora”.