Sacan dez coches retidos no garaxe de Bertamiráns incendiado hai 19 días
No interior do garaxe permanecerán os dous turismos das prazas en que se iniciou o lume para tratar de dar coa orixe do sinistro
No acceso ao garaxe incendiado o pasado 26 de decembro en Bertamiráns, no concello de Ames, agardaban este martes as propietarias e propietarios dos dez coches retidos dentro desde o día do sinistro. Era a data fixada para esta acción aínda que de momento o aparcadoiro segue sen poder ser utilizado.
"Temos un cartel que marca este día como límite para retirar os coches, supoño que para empezar a limpar e apuntalar o necesario para empezar a meter os coches dentro, que os temos todos na rúa", di José, un dos afectados.
Como José ducias de persoas levan 19 días sen poder utilizar o garaxe da comunidade. A peor parte téñena os donos dos catro vehículos que quedaron sinistro total polo lume e logo os dez, como Manuel, que aínda tiñan o coche dentro e con danos pendentes de peritaxe.
"Fun unha vez cun policía local, maneira que permite entrar, para ver o coche. Pero vino a uns sete metros de distancia e estaba cheo de feluxe".
El era un dos primeiros en encontrarse co coche unha vez que os operarios retiraron os puntais para abrirlle paso. Domingo e outros, seguen agardando o seu momento e con incertezas perante a resolución como damnificados dun sinistro.
"O que me dixeron a min é que o seguro do edificio non se fai cargo de nada. Cadaquén ten que poñer cartos do seu peto para arranxar os seu coches. Aquí ninguén se fai cargo de nada".
O administrador da comunidade de propietarios declara que no aparcadoiro lindeiro dun supermercado segue co uso restrinxido a trece prazas. No soto segundo seguirán os dous coches situados no foco do incendio para efectuar as pescudas, encamiñadas a coñecer como e onde se orixinou o lume.
Tamén están pendentes os traballos de limpeza, reposición da instalación danada e reparación dos estragos no inmoble para volver gardar os coches no garaxe.