Sánchez: "É momento de xestión, non de fotos"
Pedro Sánchez volve a Valencia 81 días despois, pero non convida a Mazón nin visita as zonas afectadas
O presidente e dez ministros recibiron 28 alcaldes dos municipios máis afectados e os axentes sociais
Comprometeuse cos rexedores a sufragar ata o cento por cento dos gastos de reparación das infraestruturas municipais arrasadas
Con aplausos e apupos na mesma beirarrúa recibiron a Pedro Sánchez en Valencia, 81 días despois. Desta forma regresa o presidente do Goberno á comunidade despois da visita que fixo xunto aos reis e Carlos Mazón o pasado mes de novembro e que se saldou con incidentes en Paiporta e co xefe do executivo abandonando a localidade.
Nesta ocasión non ten previsto pisar as vilas arrasadas. Di que estamos noutro momento. No momento "da xestión" e non "da foto". Si se reuniu con alcaldes dos 28 municipios máis afectados e cos axentes sociais. Anuncioulles que o Goberno cubrirá ata o cen por cento do custo de reparación das infraestruturas municipais danadas. Rectifica así a primeira decisión, que só cubría a metade deses gastos.
Con el foron dez ministros, pero non estaba o presidente da Generalitat. Carlos Mazón acúsao de non "querer" reunirse con el, pero Sánchez respóndelle que volverá e que, para daquela, estará "encantando" de verse co "señor Mazón, faltaría máis". Pero pídelle que deixe de confundir.
Feijóo denuncia que foi excluído. Unha actitude "lamentable", di o presidente do PP. Segundo o líder popular, faino por que "ten interese en utilizar Valencia coma un problema político en contra do presidente da Generalitat".