Publicador de contidos

Publicador de contidos

Scholz, ratificado como candidato socialdemócrata entre ataques á ultradereita e os conservadores

Scholz, ratificado como candidato socialdemócrata entre ataques á ultradereita e os conservadores

Alice Wiedel, elixida formalmente como candidata de ultradereitista AfD ás eleccións

G24.gal 11/01/2025 15:13

O chanceler alemán, Olaf Scholz, foi elixido formalmente este sábado como candidato do Partido Socialdemócrata (SPD) ás eleccións anticipadas do próximo 23 de febreiro, tras pronunciar un discurso contra a ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) e contra o bloque democristián (CDU-CSU), segunda e primeira forza nas enquisas respectivamente.

Os 600 delegados que participaban no congreso socialdemócrata en Berlín aclamaron a Scholz por abafadora maioría, con só cinco votos en contra.

Pouco antes, Scholz, cuxo partido rolda o 15 % nas sondaxes, comezara a súa intervención cunha advertencia sobre a situación en Austria, onde a ultradereita recibiu o encargo de formar goberno despois de fracasaren as conversas entre o resto de partidos.

"Isto é desolador, non podemos tomar nota sen máis", afirmou Scholz, apuntando implicitamente ao perigo de que o favorito das enquisas, o democristián Friedrich Merz, puidese romper a súa promesa de non cooperar coa AfD, en vista de que non terá previsiblemente maioría absoluta para gobernar.

"Hai forzas que recorren a incitar e dividir como modelo político", dixo, en alusión a AfD, e recalcou que con todo, "a maioría de Alemaña sábeo" e apoia por iso as forzas democráticas.

Scholz falou dun mundo no que a situación é "preocupantemente seria", por mor da guerra de Ucraína, o ascenso do populismo e o nacionalismo de dereita e tamén a incerteza sobre as relacións con Estados Unidos tras a toma de posesión de Donald Trump.

"Alemaña está na encrucillada. Se o 23 de febreiro tomamos a saída que non é, espertarmos noutro país", asegurou.

Scholz acusou ao seu principal rival, o conservador Merz, de querer aplicar "vellas receitas" e facer política "sobre as costas" da xente, cun programa austero que supoñerá, segundo dixo, recortes na sanidade e poñerá en risco as pensións.

Mentres que a SPD quere baixar os impostos ás persoas de baixos ingresos e reducir o IVE dos alimentos, os democristiáns pretenden ofrecer alivio fiscal precisamente ao 10 % dos cidadáns máis acomodados, asegurou o candidato socialdemócrata.

Con todo, non é posible lograr un bo futuro con "vantaxes fiscais para millonarios", asegurou.

Ademais, prometeu conservar os postos de traballo en risco pola maltreita conxuntura económica, subir o salario mínimo a 15 euros e estabilizar as pensións, entre outras medidas sociais.

O chanceler, cuxa popularidade se esborrallou durante os seus tres anos de lexislatura, o que fixo que durante un tempo se especulara con que o seu partido elixise outro candidato para as eleccións, tamén tivo un momento para a autocrítica.

"Quizá tiña que poñer fin antes á coalición", admitiu Scholz, que en novembro expulsou do tripartito os liberais, o que precipitou a convocatoria de eleccións anticipadas.

O chanceler afirmou que a pesar das disputas internas tentou manter unida a coalición con verdes e liberais por "responsabilidade", pero recoñeceu que "a unidade non se pode impoñer por ditado".

Segundo unha enquisa de INSA para Bild publicada este sábado, o SPD de Scholz obtería só o 16 % dos votos, por detrás do bloque conservador de CDU-CSU, que perde un punto ata o 30 %, e da AfD, que gaña dous puntos ata o 22 %, e diante dos Verdes que se manterían no 13 %.

Alice Weidel, candidata da ultradereita

Tamén este sábado, a colíder do partido ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) Alice Weidel foi ratificada formalmente como candidata ás eleccións do 23 de febreiro.

Weidel foi elixida de forma unánime polos delegados ao congreso da formación en Riesa (leste de Alemaña), que comezou con dúas horas de atraso despois de que miles de manifestantes bloquearan os accesos á localidade e ao propio salón de congresos.

A candidata ultradereitista agradeceu o seu labor á Policía que, segundo dixo, tivo que "liberar" o seu coche "dunha turba de esquerdas disposta á violencia" e referiuse aos manifestantes como "nazis pintados de vermello".

Tamén deu as grazas ao magnate estadounidense Elon Musk, que expresou o seu apoio á formación ultradereitista alemá e entrevistou a propia Weidel esta semana, por retransmitir en directo o congreso na súa plataforma X.

A colíder do partido ultradereitista resumiu a continuación algúns dos seus plans no caso de que lograse formar parte do Goberno, algo pouco probable xa que o resto de partidos comprometéronse a manter o cordón sanitario.

Así, comprometeuse a "pechar as fronteiras sen físgoas e rexeitar nelas a todos os ilegais ou sen papeis" e "enviar ao mundo a mensaxe de que as fronteiras están pechadas", ademais de poñer en marcha "deportacións a grande escala".

"Se se lle quere chamar remigración, que se lle chame remigración", dixo entre aplausos, usando o controvertido termo da extrema dereita que engloba a expulsión dos inmigrantes dos países occidentais, así como das persoas con raíces estranxeiras.

Baixo o liderado da AfD, Alemaña abandonará o sistema europeo de asilo, asegurou Weidel.

Ademais, comprometeuse a non prohibir os motores de combustión, baixar os impostos ás empresas e eliminar os programas de loita contra o cambio climático.

En canto á política enerxética, propuxo reactivar os reactores nucleares, alongar a vida das centrais de carbón e poñer de novo en funcionamento o gasoduto Nord Stream, operado pola empresa estatal rusa Gazprom.

Alice Weidel, este sábado Alice Weidel, este sábado

Weidel, que é lesbiana, tamén cargou contra a ideoloxía "queer-woke" e gritou ante o entusiasmo dos delegados que, se a AfD chega ao poder, pechará todos os programas de estudos de xénero nas universidades alemás.

Finalmente, criticou ao bloque conservador CDU-CSU, favorito nas enquisas, por copiar o programa da AfD.

"Votade ao orixinal", instou Weidel aos cidadáns, antes de concluír: "os alemáns queren liberdade, queren liberdade individual, queren liberdade empresarial, queremos liberdade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade