Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia contará en 2025 cunha lei contra a violencia dixital

Galicia contará en 2025 cunha lei contra a violencia dixital

Galicia será a primeira comunidade de España en contar con esta ferramenta para combater a violencia machista en Internet, segundo anunciou no Parlamento Alfonso Rueda

O secretario xeral do PSdeG pídelle ao presidente galego "determinación" para loitar contra a "emerxencia real" que supón a violencia machista

Pontón ameaza a Rueda con ir aos tribunais se o PP non levanta o veto ao plan de traballo do BNG na comisión que investiga os contratos da Xunta
 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento de Galicia O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento de Galicia
G24.gal 19/11/2024 09:06

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este martes que Galicia contará en 2025 cunha lei para "loitar contra a violencia dixital", dado o impacto que as redes sociais están a ter na violencia machista.

Rueda fixo este anuncio en resposta ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que ás portas da conmemoración do 25-N, acusou os populares galegos de negar a violencia machista.

Besteiro lembrou que no que vai de ano catro mulleres foron asasinadas en Galicia, 7.438 foron vítimas de violencia machista e 78 nenos e nenas sufriron violencia vicaria.

Esta situación, segundo o socialista, vese agravada pola "falta de compromiso da Xunta coa igualdade", e que demostra con decisións "erradas", como a de desmontar unha Secretaría Xeral de Igualdade para separar a loita contra a violencia machista da promoción da igualdade, que agora son dúas direccións xerais independentes.

Besteiro puxo o foco no impacto "do negacionismo", con datos alarmantes como que o 23 % dos mozos novos e o 13 % das mozas consideran que a violencia de xénero é "un invento ideolóxico".

Tampouco contribúe a acabar coa violencia machista -asegura Besteiro- "o compadreo do seu partido coa ultradereita negacionista" porque, tal e como indicou, "o negacionismo mata, asasina mulleres".

O presidente galego negou estas acusacións, recoñeceu que tódalas medidas que se poñan en marcha serán insuficientes ata que o número de vítimas "sexa cero" e recalcou que a condena ás violencias machistas "non obedece a partidismos" e “non ten nin gaivotas, nin bandeiras estreladas, nin puños e rosas”.

Rueda repasou as medidas postas en marcha polo seu Goberno para combater a violencia machista e anunciou que no 2025 "seremos a primeira comunidade de España en ter unha lei contra a violencia dixital".

Pontón: "Imos usar todas as vías legais ao noso alcance; o BNG non o amordaza ninguén"

A líder do BNG, Ana Pontón ameazou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, con acudir aos tribunais se non "levanta o veto ao plan de traballo do BNG na comisión parlamentaria sobre os contratos da Xunta, e permita que veña a este Parlamento toda a documentación e comparezan os principais responsables".

Pontón afirma que o seu grupo usará "todos os mecanismos legais ao noso alcance para defender o noso dereito e deber de controlar acción do Goberno" e engade: "O BNG non o amordaza ninguén".

Na sesión de control celebrada no Parlamento, a portavoz nacionalista preguntouse: "Alguén imaxina que nun xuízo se impida comparecer aos implicados e só se escoiten os testemuños dunha parte?"

Pontón denuncia a "deriva antidemocrática" do PP e acusa a Rueda de querer controlar a comisión para "salvar o soldado Ryan" e evitar que Alberto Núñez Feijóo "teña que dar conta dos contratos asinados pola Xunta cos seus familiares".

Rueda lembrou aos nacionalistas que os servizos xurídicos do Parlamento desdeñaron a petición do BNG de "revogar" o plan de traballo aprobado co único voto a favor do PP.

"A que vai ir aos tribunais?, a ensinarlle o informe xurídico e que os condene tamén?". E pregúntalle á líder do Bloque se ela “está en condición de dicir que ningún familiar” ou persoas da súa contorna tiveron contratos con administracións nas que o BNG teñan responsabilidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade