Taiwán responde ás manobras chinesas cun simulacro de defensa con fogo real
Pequín prorrogou un día máis as súas manobras, malia que ían rematar o domingo

O Exército de Taiwán comezou hoxe manobras con lume real para poñer a proba a súa capacidade defensiva ante unha posible invasión chinesa, na mesma xornada en que Pequín prolongou a un sexto día consecutivo os exercicios militares ao redor da illa que comezaron o pasado xoves.
A área de adestramento, que abarca un quilómetro de costa en Fenggang, simula o modo de combate defensivo co cal as forzas taiwanesas buscarían bloquear un avance inimigo no mar. A zona de exercicios non se “superpón en absoluto” coa utilizada nos días anteriores polo Exército chinés, din as autoridades taiwanesas
A crise entre Taiwán e A China orixinouse pola visita á illa a pasada semana da presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, ante a cal Pequín advertira de que tomaría serias represalias.
O ministro de Relacións Exteriores de Taiwan, Wu Zhaoxie, afirmou que as manobras chinesas son “unha provocación irrazoable” e que a viaxe de Pelosi “é só unha escusa". “A China está a tratar de converter o Estreito de Taiwán nun mar interior, negando o statu quo de que é unha vía fluvial internacional, afectando o dereito da comunidade internacional á liberdade de navegación”, engadiu Wu.
Pola súa banda, o Exército chinés anunciou hoxe que prolongará por sexto día consecutivo as manobras militares que leva a cabo ao redor de Taiwán desde o pasado xoves, que inicialmente debían concluír o pasado domingo e xa se prolongaron dúas xornadas máis do previsto.
Nun comunicado publicado na rede social Weibo -equivalente a Twitter, censurado no país-, o Exército Popular de Liberación (EPL) indicou que "continuará organizando manobras conxuntas por mar e aire orientadas ao combate", centrándose este martes en "contención e operacións de seguridade conxuntas".
