Publicador de contidos

Publicador de contidos

Toyota pon fin á súa produción e venda de vehículos en Rusia

Toyota pon fin á súa produción e venda de vehículos en Rusia

É o primeiro fabricante de vehículos xaponés que anuncia a súa saída de Rusia

G24.gal 24/09/2022 09:13 Última actualización 24/09/2022 10:10

O fabricante de vehículos Toyota Motor decidiu poñer fin á produción na súa fábrica rusa de San Petersburgo, que levaba máis de medio ano suspendida polos problemas de subministración e as sancións pola guerra en Ucraína.

A empresa, líder mundial do motor por vendas, mantiña contratada a súa forza laboral no país para labores de mantemento, por un posible reinicio da produción.

"Con todo, despois de seis meses, non fomos capaces de renovar as actividades normais e non vemos indicios de que vaiamos poder no futuro", explicou a empresa nun comunicado publicado esta madrugada.

Toyota asegura que a decisión "non se tomou á toa" e di que necesitan revisar e reestruturar as súas operacións en Moscova "co obxectivo de manter unha organización efectiva e seguir ofrecendo apoio á rede de venda para seguir dando servizo á clientela.

Importacións e vendas

Ademais da produción, tamén suspendeu as importacións ao país, o que repercutiu noutras das súas actividades no territorio como as vendas, ás que decidiu poñer fin, aínda que seguirá ofrecendo polo de agora reparacións.

Segundo o fabricante xaponés, van axudar o persoal que quede sen traballo a recolocarse noutros postos ou atopar novos empregos, así como na súa capacitación laboral e o seu benestar, incluída a asistencia financeira.

Toyota liquidará a súa unidade local en Rusia, en lugar de vendela, segundo dixo o director de comunicacións da empresa, Jun Nagata, nun encontro con xornalistas ao que tivo acceso o diario Nikkei.

O primeiro en saír de Rusia

Toyota é o primeiro fabricante de vehículos xaponés que anuncia a súa saída de Rusia. Ademais da fábrica de San Petersburgo, conta con 168 puntos de venda e servizo naquel país.

A planta tiña capacidade para producir 100.000 vehículos anualmente e alí manufacturábanse os modelos Rav4 e Camry, principalmente para o mercado interno ruso.

Toyota, que ten a maior cota de mercado en Rusia entre as empresas nipoas do sector, comezou a producir vehículos nese país en 2007 e o ano pasado alcanzou os 80.000 vehículos. As súas vendas en Rusia ascenderon a 110.000 unidades.

Nissan Motor decidiu estender ata finais de decembro a suspensión da súa produción en Rusia, mentres que Mitsubishi Motors tamén a mantén conxelada polo momento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade