Tráfico realiza esta semana unha campaña de control do transporte escolar
Os axentes controlarán cuestións como se os nenos van debidamente acompañados, amais das condicións dos vehículos e os condutores
Galicia é a comunidade que conta con máis rutas de transporte escolar
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) inicia este luns unha campaña especial de control de transporte escolar que se desenvolverá ata o vindeiro venres, 26 de maio, para comprobar que tanto os autobuses como os condutores cumpren coa normativa.
Os axentes de Tráfico da Garda Civil e policías locais que van participar nos controis comprobarán cuestións como se os menores van debidamente acompañados nos desprazamentos por unha persoa debidamente cualificada.
A Delegación do Goberno en Galicia salienta que esta campaña ten unha especial transcendencia na comunidade galega, xa que é a que conta con máis rutas de transporte escolar en todos os niveis educativos.
Máis de 95.000 alumnos e alumnas de case 900 centros educativos públicos, concertados e privados de toda Galicia son transportados en cada curso académico.
Os controis serán tanto de carácter administrativo, sobre as autorizacións e documentos dos vehículos, como sobre as condicións técnicas e elementos de seguridade dos mesmos, así como os requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, respecto ao permiso de condución e tempos de descanso.