Tres novos sismos sacoden Afganistán en medio dos labores de rescate
Os tremores prodúcense en medio dos labores de rescate tras o terremoto do sábado
As autoridades advirten que a cifra de 2.400 mortos se vai incrementar
Os tres novos sismos tiveron unha intensidade de entre 4,7 e 5,1 na escala de Richter. O seu epicentro volveuse situar na provincia de Herat, no noroeste de Afganistán. Non foron tan potentes como o do sábado, de 6,3, que derrubou centos de casas, sepultou, polo momento, 2.400 afgáns e deixou outros tantos feridos.
"Dous terzos dos feridos son nenos e mulleres", explica o responsable no país da Organización Mundial da Saúde. Á hora da traxedia, as 11 da mañá, a maioría dos homes estaban fóra dos fogares: o terremoto cebouse no sector máis vulnerable.
"Temos noticias de preto de 2.000 casas destruídas nunha vintena de aldeas", explicaba o voceiro do goberno talibán.
As sancións que pesan contra o país, sen acceso aos mercados financeiros e ás reservas internacionais, repercuten na falta de medios de rescate. E o illamento internacional do réxime reflectiuse na tímida resposta de solidariedade: de momento, só Irán, Pakistán e A China ofreceron medicinas e comida.
Dese xeito, os labores de desentullo recaen sobre todo nos propios damnificados. Hai máis de medio milleiro de desaparecidos. O do sábado foi o terceiro terremoto máis mortifero en Afganistán nos últimos 25 anos.