Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump planea baleirar a Franxa de Gaza e enviar a poboación a Exipto e Xordania

Trump planea baleirar a Franxa de Gaza e enviar a poboación a Exipto e Xordania

O presidente dos EUA falou co rei de Xordania sobre a idea de construír vivendas nos países árabes veciños con este fin

"O pobo palestino nunca abandonará a súa terra nin os seus lugares sacros", responde Abás a Trump

Trump fala coa prensa a bordo do Air Force One. REUTERS/Leah Millis Trump fala coa prensa a bordo do Air Force One. REUTERS/Leah Millis
G24.gal 26/01/2025 10:05 Última actualización 26/01/2025 19:24

Donald Trump asegurou este sábado que falou co rei de Xordania, Abdalá II, sobre a idea de construír vivendas e trasladar o millón de gazatís da Franxa a países árabes veciños. Foi nunha conversa coa prensa a bordo do Air Force One.

Segundo recolle a cadea CNN, o mandatario norteamericano asegurou ademais que ten pensado falar este domingo co presidente exipcio, Abdelfatah al Sisi, sobre o tema.

"Algo ten que ocorrer, (Gaza) está literalmente demolida. Case todo está destruído e a xente está a morrer, así que preferiría aliarme con algunhas das nacións árabes e construír aloxamentos nun lugar diferente onde creo que poderían ao fin vivir en paz", dixo Trump.

Máis de 15 meses de ofensiva israelí en Gaza deixaron a maior parte do enclave completamente devastado, e estímase que miles de cadáveres de persoas desaparecidas seguen enterrados baixo os entullos.

O ministro de Finanzas israelí, o colono ultranacionalista Bezalel Smotrich, celebrou a proposta mentres milleiros de palestinos agardan poder volver ás súas casas canto antes.

"Coa axuda de Deus, traballarei xunto ao primeiro ministro e ao Goberno para desenvolver un plan que permita implementar esta idea canto antes", asegurou Smotrich nun comunicado.

O ministro, que vive nun asentamento israelí na Cisxordania ocupada (os asentamentos son ilegais a ollos do dereito internacional), dixo que "axudar" os gazatís "a buscar outros lugares onde empezar unha vida nova e mellor é unha idea excelente".

"O pobo palestino nunca abandonará a súa terra nin os seus lugares sagrados", responde Abás a Trump

Horas despois de que Trump fixera estas declaracións, o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abás subliñou, este domingo a través dun comunicado, que os palestinos non "abandonarán a súa terra".

“Recalcamos que o pobo palestino nunca abandonará a súa terra nin os seus lugares sagrados, e non permitiremos que se repitan as catástrofes ('a Nakba') de 1948 e 1967. O noso pobo permanecerá firme e non abandonará a súa patria”.

O mandatario palestino asegurou que esas insinuacións constitúen “unha violación das liñas vermellas" e reiterou o seu rexeitamento a calquera política ou acción dirixida a socavar a unidade de Palestina, incluída a Franxa de Gaza, a Cisxordania ocupada e Xerusalén Oriental.

A Autoridade Palestina instou, á súa vez, a Trump a concentrarse en manter e consolidar o cesamento do fogo en Gaza -que entrou en vigor o 19 de xaneiro tras máis de 47.000 mortos-, en garantir a retirada total do Exército israelí e permitir que a Autoridade Palestina se responsabilice dunha Gaza de posguerra "nun Estado palestino independente".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade