Turismo de Galicia prevé unha ocupación media do 65 ao 80 por cento na Semana Santa
A directora de Turismo de Galicia asegura que as reservas previstas non semellan verse afectadas pola inflación xeral
Nava Castro destaca tamén o tirón do Camiño malia non ser xacobeo, rexistrouse unha suba dun 40 por cento de peregrinos no mes de marzo respecto ao de 2022
A Xunta prevé unha ocupación media en Galicia durante esta Semana Santa de 2023 de entre o 65 e o 80 por cento dependendo das zonas. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, a directora de Turismo, Nava Castro, explicou que Santiago e Ferrol prevén unha ocupación total nos días festivos da Semana Santa mentres que no resto de xornadas se rebaixa a entre un 60 e 75 por cento respectivamente. Cidades coma Vigo e A Coruña prevén medias de entre 70 e 80 por cento. O turismo de costa como Sanxenxo ou o de interior, como a Ribeira Sacra, contan ter ocupacións superiores ao 80 por cento nos días festivos.
"Segundo o sector, esta Semana Santa podemos falar dunha ocupación entre o 65 e 80 por cento dependendo das zonas onde nos vaiamos situando"
A directora de Turismo de Galicia apunta ademais que, malia a tendencia alcista dos prezos no conxunto da economía, a Semana Santa a priori non se ve afectada, á luz das previsións e as reservas.
"O nivel de ocupación e loxicamente os prezos o que están a dicir é que nesta Semana Santa non está a afectar moito se temos en conta as perspectivas"
Camiño de Santiago
A directora de Turismo de Galicia expresou tamén a súa satisfacción polos datos de peregrinos no que levamos de 2023 malia non ser ano santo xacobeo. Segundo Nava Castro, "estamos incrementando" as cifras de persoas que fan o Camiño de Santiago. "O mes de febreiro pechamos cun 40 por cento máis e o mes de marzo practicamente igual, xa superamos a cifra do ano pasado, pois en realidade cun 40 por cento máis tamén", asegurou Castro.