Ánxeles Vázquez pedirá en Europa unha lei para o transporte marítimo de microplásticos
A conselleira tamén incidirá na importancia de "garantir a seguridade xurídica europea para os proxectos relacionados coa implantación de enerxías renovables"

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático Ánxeles Vázquez intervirá este martes ante o Consello de ministros de Medio Ambiente da UE para defender a necesidade dunha norma comunitaria que regule o transporte marítimo de microplásticos en contedores, "postura común" das 17 comunidades autónomas españolas.
Galicia foi designada para exercer a representación das comunidades españolas durante as dúas reunións dos ministros de Medio Ambiente da UE programadas para o segundo semestre de 2024.
A intervención de Ánxeles Vázquez producirase durante o debate que manterán os ministros europeos do ramo sobre a proposta de regulamento para reducir a contaminación por microplásticos provocada por verteduras non intencionadas.
A futura norma regulará a cadea de subministración dos microplásticos.
Así, entre as medidas pactadas polas 17 autonomías inclúense os deberes que deberían aplicarse aos operadores económicos europeos e tamén aos transportistas comunitarios e extracomunitarios.
Seguridade xurídica para renovables
Doutra banda, durante a súa estadía en Bruxelas, a responsable de Cambio Climático da Xunta de Galicia tamén incidirá na importancia de "garantir a seguridade xurídica europea para os proxectos relacionados coa implantación de enerxías renovables", consideradas pola UE de interese público superior polo seu papel na loita contra o cambio climático.
A Xunta, xunto co Goberno central, decidiu comparecer na cuestión prexudicial elevada ante o Tribunal de Xustiza Europeo para defender a tramitación dos proxectos eólicos realizada en Galicia nos últimos anos, en aplicación da lei de avaliación ambiental de 2013.
Afirman que a parálise xudicial que afecta os proxectos de enerxías limpas en Galicia "ameaza" o cumprimento dos obxectivos de descarbonización fixados pola Unión Europea e "constitúe un motivo de máxima preocupación no seo do Goberno autonómico".