Cen veciños de Amio, en Santiago, afectados por cortes de auga polas roturas da tubaxe
Fartos de parches, piden o cambio de toda a tubaxe, que ten máis de corenta anos
As roturas constantes están danando o asfaltado
As últimas roturas, dúas seguidas, deixaron unha rúa de Amio, outra vez e xa son moitas, convertida nun río.
"O problema é que temos unhas tubaxes de fibrocemento, de amianto. Hai máis de corenta anos que está posta e agora, co paso do tempo, rompe", sinala Miguel Ángel Sixto, da Asociación de veciños do Monte do Gozo.
Miguel Puente, hostaleiro e veciño da zona, confirma: "Estes días rompeu abaixo e tocábaslle coa man e desfacíase, é que se desfai".
O problema esténdese por tres rúas dun barrio santiagués que medrou moito nos últimos anos, en tráfico e en veciños. Son un cento de afectados. Tamén negocios, entre eles, unha cafetería e un salón de peiteado, onde cruzan os dedos para non quedar sen auga no medio dunhas mechas. Están fartos de parches.
"Metéronlle un cacho. Xa tiñan todo posto e xa viron que empezaba a correr a auga outro pouco. Levantaron uns metros máis adiante e xa estaba estalado alí", explica Puente.
"Esta rompeu o venres. O sábado, outra uns metros máis alá, que rompeu dúas veces: ás sete da mañá, reparárona e ás doce volveu romper", engade Sixto.
"Baixan a presión da auga pero é igual. Un pouco que treme por un coche ou un autobús, rompe igual", lamenta o hostaleiro.
As sucesivas fendas van deixando as súas cicatrices, segundo denuncia a veciñanza.
"O problema da auga agrava o problema da estrada porque hai cen roturas nun treito tan curto, e a estrada está practicamente impracticable".
"Asfaltaron un treito ben asfaltado, pero a auga entrou por debaixo e levantou o asfalto todo. Saía a auga coma se foran fontes pola rúa abaixo".
"Non é máis sinxelo pór unha tubaxe nova e acabar co problema?".
Piden unha solución definitiva, o cambio duns 300 metros de tubaxe.