Un coche causa danos a tres vehículos e dáse á fuga en Cambados
No impacto a defensa e a matrícula do coche quedaron na estrada, o que lle permituiu a Garda Civil localizar o condutor
Circulaba en dirección a Cambados e invadíu o carril contrario
Un vehículo deuse á fuga despois de verse involucrado nun accidente de tráfico na EP-9005 ao seu paso por Corbillón, en Cambados.
O suceso tivo lugar arredor das 07:30 horas da mañá deste domingo, cando o vehículo causou danos a tres vehículos e logo deuse á fuga.
O coche deixou a defensa na estrada xunto coa súa matrícula.
O coche circulaba en dirección a Cambados, invadíu o carril contrario e bateu contra tres turismos que estaban estacionados. Lonxe de deterse, testemuñas aseguran que seguíu recto a gran velocidade e incluso colleu a rotonda á indonesia en dirección a Tragove. Por sorte non había tráfico a esas horas.
Malia darse á fuga, o condutor tivo un descoido importante: no impacto perdeu a defensa e a matrícula, que apareceron a uns 50 metros do lugar do sinistro. Ata ali trasladouse unha patrulla da Garda Civil de Tráfico, unha ambulancia e o servizo de Emerxencias de Cambados que se encargaron de limpar a zona.
Grazas ás evidencias que deixou o condutor, a Garda Civil de Tráfico puido identificalo ao pouco. Trátase dun home residente en Tragove, malia que non é natural de Cambados.
Dase a casualidade de que dous dos coches afectados pertencen a unha mesma familia que reside case enfronte. O dono da fugoneta estaba a piques de sair a coller o coche cando se producíu a colisión, polo que esta mañá alababa a sua boa sorte.
O condutor que se deu á fuga enfróntase a unha sanción administrativa de 200 euros. O seu seguro, se o tivera, debe facerse cargo dos danos nos 3 coches afectados, pero se se demostrara que o condutor superaba o límite de alcol permitido, sería el o que tería que correr cos gastos dos estragos causados.
Na intervención colaboraron unha ambulancia do 061, o Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados e Garda Civil de Tráfico.