Un incendio calcina parte dunha vivenda en Ourol
O lume afectou a práctica totalidade da casa pero non causou feridos
As lapas comezaron na cociña de madrugada e na súa extinción traballaron toda a noite bombeiros de Viveiro e Vilalba
Bombeiros de Viveiro e Vilalba estiveron boa parte da pasada noite traballando na extinción dun incendio nunha vivenda do lugar de O Sixto, no concello lugués de Ourol. As lapas estendéronse con rapidez por mor da gran cantidade de madeira que había acumulada no inmoble.
Pasaban uns minutos da unha da madrugada cando o propietario da vivenda alertaba aos servizos de emerxencias.
"O dono non estaba na vivenda e cando chega ve que a casa está ardendo e chama o 112. O lume empezou na cociña e subeu ás habitacións. Era a típica vivenda unifamiliar con dúas placas e madeira", explica Félix Carballeira, sarxento dos bombeiros de Vilalba.
O lume propagouse moi rapidamente por parte do interior da vivenda, que tiña o teito de madeira, e cando chegaron os bombeiros o 30% da vivenda xa colapsara. Había perigo de que se propagase e os bombeiros de Viveiro pedíronlle apoio aos de Vilalba.
"Saíran dúas dotacións do parque de bombeiros de Viveiro, pero era unha edificación grande con varios aledaños e con adosados doutros dous veciños, polo que se solicitou a incorporación dos bombeiros de Vilalba como axuda", relata Félix Carballeira, sarxento dos bombeiros de Vilalba.
Finalmente só se viu afectada a vivenda onde se orixinou o lume, na que residía unha persoa de xeito ocasional, e non houbo que lamentar danos persoais.
Ademais dos bombeiros, no dispositivo participaron efectivos da Garda Civil e de Protección Civil de Ourol e Viveiro.