Un incendio deixa sen fogar unha parella que vive nunha casa alugada en Vila de Cruces
Quéixanse de que o concello non lles ofrece ningunha axuda ao non estaren empadroados na vila
Non teñen cartos case nin para comida nin para mercar pintura para arranxar a casa
Sergio e Roxana viven agora aquí. Neste cuarto ao pé da lareira improvisado no soto da casa que alugaron hai un mes, na aldea de Alcobre, en Vila de Cruces. O incendio orixinado nunha cheminea sen limpar da cociña calcinou mobles e electrodomésticos. Deixou ademais todo o andar cheo de fume e sen rede eléctrica.
"Da metade do corredor á cociña non hai luz, un electricista deixounos luz no baño, só hai no baño e nun cuarto", di Sergio Rey, inquilino da vivenda.
A caseira, unha muller de idade avanzada, recoñeceulles que non pode asumir a restauración e ofreceulles condonar o pago do alugueiro. Unha opción que aceptan de bo grao á vez que piden axuda para reparar a vivenda.
Na primeira porta que petaron foi no Concello e en Servizos Sociais, dos que, segundo a parella, non recibiron axuda por non estaren empadroados no concello. Sergio está empadroado no País Vasco, de onde cobra unha pensión tras sufrir un infarto de miocardio e recoñecérselle unha discapacidade. A súa parella está regularizando os papeis.
Sergio asegura que como está percibindo a axuda do País Vasco e son máis altas que aquí que a súa parella non ten dereito a nada. Porén di que se vai pedir axuda a servizos sociais é porque o necesita. Di que se algunha persoa pode achegar algo agradeceríallo e incluso podería pagarllo con man de obra. Di que lle quedan 100 euros ata o día dez.
Un equipo da Televisión de Galicia púxose sen éxito en contacto co Concello, si conseguiu falar con Servizos Sociais, quen rexeitou facer declaracións alegando protección de datos.