Un mozo do Rosal de 25 anos falece tras colidir dúas motos na Guarda
Unha muller de 67 anos quedou ferida no accidente e foi trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro
Pouco pasaba da unha da tarde cando varios particulares alertaron ao 112 dun sinistro. Dúas motos estaban sobre o asfalto.
O condutor dunha delas estaba localizado fóra da estrada, por tras do balado de formigón que separa o carril bici do monte, e a condutora da outra gravemente ferida sobre o asfalto.
Ata o lugar, no punto quilométrico 43,8 da PO-552, a que une Baiona e A Guarda, chegaron tres ambulancias asistenciais, os axentes da Garda Civil e da Policía local da Guarda o equipo do GES deste municipio.
Un varón, natural do Rosal, de 25 anos faleceu no acto e unha muller de 67 anos foi trasladada nunha UVI Móbil ao Álvaro Cunqueiro con feridas moi graves nunha perna.
As causas do accidente están sendo investigadas. A moto que conducía o varón alcanzou a da muller que, presuntamente, xirara cara un vial secundario á esquerda. Os dous ían no mesmo sentido da vía, cara Baiona.
Este mesmo xoves morreu unha muller en Coruxo, en Vigo, nunha colisión frontal entre a moto que conducía e un coche.