Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un roubo no local de veciños do Ventorrillo, na Coruña, deixa o barrio sen festa de Papá Noel

Un roubo no local de veciños do Ventorrillo, na Coruña, deixa o barrio sen festa de Papá Noel

A Asociación xa traballa nunha gran celebración para recibir aos Reis Magos

G24.gal 19/12/2024 14:41 Última actualización 19/12/2024 14:52

Os globos preparados e tamén parte do trono onde Papá Noel ía recibir os nenos este Nadal. O traballo de varias semanas para a gran festa da asociación de veciños veu ao traste tras dun roubo no local do barrio.

"Forzaron a ventá que tiña a persiana baixada e entraron en diferentes estancias", explica Aníbal Rodríguez, vicepresidente da Asociación de Veciños do Ventorrillo. 

Os ladróns buscaban cartos. Forzaron unha por unha todas as portas do local veciñal. A do equipo de fútbol sala e a da peña deportivista do barrio. E conseguiron dar cos cartos destinados á festa do Nadal.

"Levaron entre 400 e 500 euros que tiñamos para a festa e fixeron estragos. Non levaron ferramentas nin os ordenadores", di Aníbal.

O labor da Policía Científica e dos peritos da entidade aseguradora non permitiu continuar coa montaxe de todo o necesario para recibir a Papá Noel no local. Ante a imposibilidade de seguir adiante coa organización, os veciños decidiron pospoñer a festa para Reis.

"Se Papá Noel non pode vir, desde o Concello puxéronse á nosa disposición para botarnos unha man para os Reis Magos", adianta o vicepresidente da asociación de veciños.   

Con todo, din, a visita de Papá Noel ao Ventorrillo está garantida e o día de Nadal os pequenos recibirán os agasallos sen contratempos. Non poderá ser recibido no local pero, afortunadamente, os ladróns respectaron a espectacular decoración de Nadal, e unha grande árbore a base de materiais reciclados lembraralle que o Ventorrillo agarda a súa parada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade