Un veciño de Barreiros, hospitalizado tras queimarse ao acender lume con alcol
O home sufriu queimaduras nas mans, na cara e no abdome
Os expertos recomendan prender lume con pastillas e evitar o uso de líquidos inflamables
En Ribadeo, axentes da Garda Civil tiveron que intervir nun edificio para rescatar unha persoa que quedou encerrada nun ascensor con dous bebés

Persoal do servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 tivo que intervir para auxiliar un veciño de Barreiros que sufriu queimaduras nas mans, na cara e no adbome ao tentar acender o lume no seu domicilio con alcol.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, este suceso produciuse a última hora da tarde de onte nunha vivenda no municipio de Barreiros. A central de emerxencias mobilizou o 061 para atender a vítima e a Garda Civil para que prestase apoio ao persoal sanitario de urxencias.
A patrulla da Garda Civil informou de que, tras recibir os primeiros auxilios no seu mesmo domicilio, a persoa ferida foi evacuada de urxencia en ambulancia ao Hospital Público da Mariña, en Burela.
Tamén na Mariña
Axentes da Garda Civil tiveron que intervir nun edificio da localidade de Ribadeo, a medianoite, para rescatar unha persoa que quedou encerrada nun ascensor con dous bebés.
Unha patrulla da Benemérita respondía ao sinal de alerta, na rúa Amador Fernández, e os axentes lograron rescatar tanto a persoa adulta como os dous nenos sen maiores consecuencias.