Unha inmensa maioría de estados pide a integración plena de Palestina na ONU
Votaron a favor 143 dos 193 estados membros das Nacións Unidas
Israel di que "é un premio aos terroristas de Hamas"

Unha inmensa maioría de 143 estados, dos 193 membros da ONU, volveu pedir este venres na Asemblea Xeral reconsiderar a integración de Palestina como Estado de pleno dereito, unha decisión que compete ao Consello de Seguridade.
Só nove países votaron en contra, e 25 abstivéronse, nesta resolución que foi copatrocinada por España, Irlanda, Noruega e Bélxica, xunto a máis de setenta países.
A resolución aprobada pola Asemblea concede ademais a Palestina novas competencias que superan o seu status actual de "Estado observador non membro" e que definen a súa participación na Asemblea Xeral, pero especifica que non contará con dereito a voto nin poderá presentarse candidata aos organismos de Nacións Unidas.

Reacción de Israel
O ministro de Exteriores israelí, Israel Katz, cualificou este venres como "absurda decisión" a votación na Asemblea Xeral da ONU a favor da integración plena de Palestina en Nacións Unidas, que considerou "un premio para os terroristas de Hamás".
"A decisión de mellorar o status dos palestinos na ONU é un premio para os terroristas de Hamás tras cometer o maior masacre de xudeus desde o Holocausto e perpetrar os crimes sexuais máis atroces que o mundo vise", afirmou o ministro.

Katz considerou que a medida "demostra o rumbo estrutural da ONU" e que, baixo o liderado do Secretario xeral, Antonio Guterres, "converteuse nunha institución irrelevante".