Unha empresa de Taboada vende máis de mil bombonas de gas en 48 horas
Disparáronse as vendas polo temor a un apagamento eléctrico global
En dous días de xaneiro de 2020 a mesma empresa vendera 150.000 máscaras
En tan só 48 horas, unha empresa de Taboada vendeu por Internet máis dun milleiro de pequenas bombonas de gas. O seu uso está destinado aos fogóns de cámping, dos que tamén se dispararon as vendas por temor a un apagamento eléctrico de carácter global.
Independentemente de que chegue a servir de algo facer abastecemento de recipientes de gas nese suposto, o caso é que a compañía soubo aproveitar a oportunidade de negocio que lle brinda a crise enerxética.
Sonia Ayude, empregada da compañía: "Foi dun día para outro, chegar o luns e o mércores non termos nada xa. Foi empaquetar e non saír de aí. Vendemos máis de mil e seguiron entrando pedidos. Xa habemos de andar polos 1.800, e xa logo nos chega máis mercadoría".
Non é, de feito, a primeira crise da que souberon sacar proveito. Cómpre lembrar que só en dous días de xaneiro do ano pasado a mesma empresa vendera 150.000 máscaras, sobre todo aos países asiáticos que comezaban a afrontar a pandemia.
"Isto xa é a segunda vez que nos sucede. A primeira fora co tema das máscaras, que saltara dun día para outro, e menos mal que tiñamos stock suficiente e fómolo levando. Agora intentamos facer o mesmo que fixeramos coas máscaras e servir os pedidos".
Nesta ocasión, a maior parte dos pedidos de bombonas limítase, polo momento, ao ámbito da Península Ibérica. Curiosamente, Lisboa é un dos lugares a onde se envía máis mercadoría.
