Unha médica do hospital Álvaro Cunqueiro acepta un ano e un mes de cárcere por falsear receitas
Tivéronse en conta as atenuantes de alteración psíquica e de reparación do dano, xa que pagou os 3.000 euros de responsabilidade civil
Os feitos ocorreron o 6 de decembro de 2023, cando a acusada estaba a traballar e, aproveitando que a súa compañeira se ausentara momentaneamente, colleulle da mochila o seu talonario de receitas e o seu selo oficial
As farmacias detectan regularmente receitas falsificadas para retirar estimulantes ou opiáceos
Unha médica que traballaba no servizo de Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo aceptou un ano, un mes e 15 días de prisión por falsificar unhas receitas utilizando un talonario dunha compañeira sen o seu permiso.
A vista de conformidade celebrouse este martes na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, e tívose en conta as atenuantes de alteración psíquica e de reparación do dano, xa que pasou os 3.000 euros de responsabilidade civil. Ademais, impúxoselle unha multa de 555 euros e un ano de inhabilitación.
Segundo consta no escrito de acusación pública, os feitos ocorreron o 6 de decembro de 2023, cando a acusada estaba a traballar e, aproveitando que a súa compañeira se ausentara momentaneamente, colleulle da mochila o seu talonario de receitas e o seu selo oficial.
Así, retirou varias fichas e selounas, e despois cubriunas con prescricións de varios medicamentos e asinou, aparentando que foran expedidas pola súa compañeira. Posteriormente, retirou os medicamentos nun par de farmacias.
A Fiscalía fai constar que a acusada está diagnosticada dun trastorno de personalidade con síntomas de TDHA "de moderada relevancia", o que limita a súa capacidade volitiva, aínda que non a súa capacidade cognitiva.
Por estes feitos, acusábaa dun delito continuado de falsificación de documento oficial e pedía unha pena de 3 anos e 6 meses de prisión e de 3 anos de inhabilitación para exercer as súas funcións de médico. Con todo, tras chegar a unha conformidade, a pena rebaixouse en ambos os casos.