Continúan os roubos en Castrelo de Miño, con tres novos incidentes na última semana
Dende setembro asaltaron varias vivendas para levar ferramentas, cartos, alimentos e mesmo pitas
Nesta semana intentaron entrar no estanco-tenda de Barral, pero os ladróns fuxiron ao soar a alarma despois de romper a porta
Veciños de Castrelo de Miño levan sufrindo roubos de maneira continuada dende o mes de setembro, chegando esta mesma semana a sufrir ataques en varias casas e nun negocio.
De feito, esta mañá, operarios colocaban unha porta provisional na tenda-estanco do lugar despois de que os ladróns a romperan tras forzala cunha pata de cabra, malia que non levaron nada pola activación da alarma.
Este negocio, cun século de historia, non é a primeira vez que sofre un roubo nesta vaga, xa que en setembro si conseguiron levar un botín.
Moncho, un veciño da aldea de San Esteban, denunciou tamén á Garda Civil que asaltaran a súa casa, levándolle un alambique, cervexas, ferramenta e unha galiña.
Esta vaga de roubos comezou fai tres meses, pero na última semana houbo mínimo tres e, dende o Concello saben de máis que non presentaron denuncia. A Garda Civil investiga se os mesmos ladróns están detrás de todos estes roubos, pero, de momento, non hai pistas.