Rouban nun asador de Cee, novo asalto nun estabelcemento hostaleiro da Costa da Morte
As cámaras de seguridade captaron os ladróns: dous individuos con barras de ferro coa que abriron a máquina comecartos
No que vai de mes rexistráronse sete roubos en establecementos das comarcas de Bergantiños e de Fisterra. O último tivo lugar a madrugada do martes neste asador da aldea de Bermún en Cee.
Víctor Lema, propietario do asador O Cruceiro, di que os ladróns intentaron forzar a pechadura pero como non o conseguiron forzaron unha persiana e romperon unha fiestra para entrar. Di que foron directamente á máquina comecartos.
As cámaras de seguridade captaron os dous ladróns en plena acción. Foron directamente á máquina comecartos e á maquina de tabaco e rebentáronas con barras de ferro; despois colleron os poucos cartos que había na caixa rexistradora e no bote das propinas. Chama a atención a rapidez coa que actuaron.
Víctor Lema, propietario do asador O Cruceiro, di que tardaron exactamente un minuto e dous segundos en entrar e rebentar a máquina comecartos e a máquina de tabaco. Apunta que levaron 300 euros e provocaron danos por valor de seiscentos ou setecentos.
A Garda Civil abriu unha investigación para tentar identificar os autores do roubo. Hoxe dous axentes presentáronse no establecemento para recoller unhas luvas que apareceron nas inmediacións e que sospeitan que poderían pertencer aos asaltantes.