Boa xornada das galegas na Liga Feminina de balonmán
Vitoria do Conservas Orbe Rubensa Porriño en Granollers para prolongar o bo momento (22-28)
O Mecalia Atlético Guardés venceu en Gran Canaria (28-29) e está un punto por detrás
Manter a boa serie de resultados era fundamental para o BM Porriño a súa visita ao Granollers. E así foi. O partido non comezou do xeito desexado. As galegas topáronse por debaixo no marcador durante moitos minutos. A pesar de non estar moi lonxe, non eran capaces de igual polo ritmo goleador das locais. Chegando ao descanso perdendo por 10-8.
Na segunda parte todo trocou. Paulina Pérez botou o equipo ás costas e liderou as súas compañeiras ata a vitoria. 13 tantos, dos cales 8 foron no segundo período, levaron ao BM Porriño cara á vitoria. Pronto comezou a xesta. Antes dos 5 minutos do segundo tempo, as galegas xa estaban por diante. A partir de aquí non pararon e continuaron abrindo a brecha no resultado. Con todo, o partido acabou cun 22-28 favorable ás de Ismael Martínez.
Xa están asomando a cachola nos postos nobres da táboa. Con este resultado colócanse 4º con 27 puntos, a 2 do BM Elxe, que é líder, aínda que cun partido máis.
Pola súa banda, o Mecalia Atlético Guardés gañou en Gran Canaria, nun partido que se decidiu nos minutos finais, aos que se chegou con empate a vinte e seis. Dúas grandes paradas de Estela Carrera fixeron posible que, cos goles de María Sancha e Ania Ramos, as galegas levasen o triunfo por un 27 a 28. Tamén achegaron cadanseus seis goles Cecilia Cacheda e María Palomo. O Guardés suma 26 puntos, un menos co Porriño.